Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá
Teimando en comer, beber e contar
Dez segundos despois de servir o prato, volvía Nataly á mesa con outra cesta de pan. “Di Balazs que os sesos mellor con broa”. Sesos de tenreira suavísimos, como un flan para bebés, cunhas patacas de Coristanco que se desfacían de moles, nun arrecendo xeral a manteiga. Era certo: para mollar broa a quilos.
Pero tamén lle ía moi ben o champagne. Despois de acompañar case todo o xantar cunha espadeiro de Constantina Sotelo, á altura da moela á brasa falamos con Nataly e terminou abrindo unha botella de Pierre Baillette para arredondar a parte líquida.
Porque comer en 55 Pasos vai indisolubelmente ligado a falar. A compor o que vai chegar á mesa a partir do “menú do día” e as opcións para complementar. A escoller os viños. A valorar os pratos. A conversar, sen máis. A deixarse levar polo tempo.
Propostas recoñecíbeis - as anchoas, as ostras xapo, o otoro, os propios sesos -, outras lixeiramente variadas - a cecina agora con pan con tomate -, outras novas - a ensalada de cabaza, boísima -. Pero sempre unha personalidade marcada e as ideas claras.
Xantar, beber, falar, tempo. “Es o que comes”, reza a lousa que preside a sala do restaurante. Eu engadiría: “Es como comes”.
Ver esta publicación en Instagram
Comentarios
Publicar un comentario
Deixa o teu comentario...