Culler de Pau (O Grove): unha viaxe de horas, unha viaxe de anos


21 de novembro, choiva, vento fungando, mar brava, pero a tradición manda: antes de subir a Reboredo, unha 1906 na terraza do Náutico de San Vicente; con abrigo, iso si. Cumprir a tradición cando o tempo non axuda vale o dobre.

O menú Descuberta de Culler de Pau é longo, pero fluído, líquido, áxil; muda de escenario sen case se notar. Comeza na horta, desde o consomé de verduras asadas até a folla do rabanete. Despois, amodo, chega o mar, con bocados notábeis: os camaróns vivos, a volandeira de Cambados, a robaliza curada, a magnífica centola de O Grove.

E entón os terreos comezan a mesturarse: a ostra vai con auga de monte e hai un “molusco vexetal”; volve a horta cun pratazo, ese que desde hai tempo non falta, desta volta un pemento con castaña e zume de ameixa. Antes dos doces, o monte: o fondo de caza, a pularda de Mos.

É unha viaxe de horas dentro doutra de anos. A primeira vez no Culler foi no 2009, tamén en outono, cando todo comezaba. Houbo espinacas, houbo unha cebola pegada a unha vieira, e as dúas facían o que decote fan os vexetais en moitas propostas: acompañar, estar a carón do que importa.

Co tempo, as hortalizas foron gañando terreo, sen presas e sen ruído, como o gañan as cousas que acaban por ficar: uns tomates de Vilanova, as sementes de pemento de Padrón agromando no caldo de lacón das zamburiñas, os garavanzos verdes de Finca Los Cuervos, os chícharos bágoa... até que, nos últimos anos, compartiron coa ría o lugar estelar.

No 2023 foi a cebola, que era a casa enteira nun prato; ao ano seguinte, outra vez ela e tamén unha acelga: con todo o mar de Arousa na xanela, o que quedaba nos padais eran as hortalizas máis humildes. E o outro día o pemento, que tampouco acompañaba a ninguén.

Non se bebe mal nesa casa, non. A botella condutora foi un Alalá 2016, outro albariño con anos bestial. Tamén o fenomenal Chánselus tinto de Bernardo Estévez, a caíño de Nanclares y Prieto, ou A Morena, ese doce de branco lexítimo da IXP Betanzos que elabora Bordelar. Entre outras cousas.

Lembro que aló polo 2014, ao final do xantar, Javi Olleros díxonos, sempre en crequenas a carón da mesa: «Eu son de aquí. Débome a este lugar e a esta xente.» Quen de verdade se debe a un lugar acaba descubrindo que o lugar era máis grande do que parecía. Xa non é só o mar de Arousa.

Comentarios