Publicacións

Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Ultramarinos Galera (A Coruña): a lousa como esencia

Imaxe
Cando entres en Ultramarinos Galera só tes que facer unha cousa: ollar á esquerda, detrás da barra, e sacar unha foto da lousa co produto do día. Non precisas nada máis, nen a carta, porque aí tes toda a esencia. Senta na mesa e sofre por non poder elixilo todo. Nós fomos polo moi bo salpicón de bogavante, polo fresquísimo tartar de bonito con gazpacho de remolacha e parmesano, polos salmonetitos fritos, por unhas fantásticas gambas brancas, polos carabineros con ovos (pinchazo na xema, moi pasada, case sólida). Estupendo xantar. (Non é de todo certo que non haxa que consultar a carta: cómpre mergullar na de viños, moi ben feita. Nós escollemos ese Mixtura IW que é pura seda). Ver esta publicación en Instagram

Inspiración en Culler de Pau (O Grove)

Imaxe
Sete de xullo tras sete de xullo, puntualmente, regresamos a Culler de Pau , xa hai moitos anos. Moitos máis aínda pasaran desde aquela primeira visita no 2009. E a verdade é que a progresión ten sido abraiante. En especial nos últimos tempos, dun ano a outro nótase a evolución. Tanto, que xa teño gastadas todas as palabras para describila. Só podo dicir que cada vez gaña en completitude, en capacidade de inspirar. Digo inspirar non só polo que chega ao prato. Digo inspirar porque Javi Olleros ten que ter uns ovos xigantes para, dispondo como dispón de toda a artillería do produto do mar galego á vista desde a xanela, tente deixar gravados nos padais unha sinxela cebola ou unha modesta acelga. E tamén o talento para atinxilo. E digo inspirar porque todo por alí zumega humildade, materializada nese porse de crequenas de Javi cando se achega a mesa a explicar, sempre con brillo nos ollos, o seguinte bocado. Podería falar do impresionante prato de peixe sapo (a pel, o fígado), da...

Divino Steakhouse (O Burgo, A Coruña): para tamén presumir de carne

Imaxe
Pequena paréntese antes de pechar o percorrido andaluz. Por un momento, pasamos do peixe á carne. Porque sábado fun xantar a Divino Steakhouse e iso sempre merece ser contado. Presumimos os galegos, con razón, de ter o mellor produto do mar e uns restaurantes que o coidan e até o melloran. Porén, non acontece o mesmo coa terra: ninguén pon en dúbida a calidade da carne galega, pero talvez non temos aínda esas referencias indiscutibles no lume, na grella. É por iso polo que teño gabado recentemente por aqui lugares como Asador O'Pazo , Albanta ou Material : cada un no seu estilo, fan xirar a súa proposta arredor dun emprego excelente do lume. E é por iso polo que fago esta paréntese para contar o xantar en Divino Steakhouse . Porque manexan un produto asombroso, seguindo a pista case como un fillo a cada animal. Porque dominan o lume para dar un ponto perfecto sempre e en cada ocasión. Porque rodean á peza principal de “secundarios” de luxo: a cecina, o steak tartar, o carpa...

La Buena Vida: outro lugar cos pés no chan en Madrid

Imaxe
Outro lugar cos pés no chan na inflacionada gastronomicamente Madrid. La Buena Vida ten un tamaño e unha carta manexables, un local acolledor, unha escolma de viño notable, un oficio que se nota desde o aperitivo (a tapenade, o tomate esmagado) e, o máis importante, cociña. Polas conversas que ouvía, tamén unha clientela asidua e fiel. Un gazpacho monumental con carabineiro, os últimos espárragos da tempada, unha xarda desas co toque xusto de grella. Produto, oficio. Definitivamente, hai moita vida fóra dos focos en Madrid. Ver essa foto no Instagram Uma publicação compartilhada por Manoel Foucellas (@manoelfoucellas)

A noite desas vieiras en NaDo (A Coruña)

Imaxe
Non é moi frecuente que un prato, por si só, roube o protagonismo de todo un xantar ou unha cea. Pero ás veces acontece. Aconteceu o venres no NaDo . Unhas vieiras apaxadas na brasa, apenas mornas, cunha textura indescritible; unha holandesa cremosa, co toque iodado das algas, facendo do conxunto o mar. Prodixioso, caralludo. Na cociña, como en todo, a calidade segue unha asíntota: canto máis arriba, canto mellor o nivel, máis difícil é atinxir o seguinte chanzo. Coido que Iván Domínguez é dos poucos que está alí, nese ponto no que é capaz de incorporar eses detalles, sutís pero diferenciais, que o fan excepcional. Falaba Iván hai pouco no Fórum Gastronómico e dicía que “cando digo que a miña cociña é sinxela, non mo creo nin eu”. É certo, de sinxela non ten nada. Facer que pareza sinxela é moi, moi complexo. E non foran só as vieiras: a ostra tralo paso pola brasa, tamén co aloumiño das algas; os callos de bacallau e o seu mollo “pegabeizos”; o trato dos vexetais: as xudías, a b...

Pirixel (Arteixo): bo fazer a carón dunha das praias máis fermosas de Galicia

Imaxe
Considérome un tipo fiel aos cociñeiros dos que gosto, xa sexa como cliente recorrente do seu restaurante, xa sexa perseguíndoos cando se van movendo. Algúns dos últimos posts (e algún dos próximos, xa veredes...) van nesa liña, como a visita a Javier Montero en Ribadeo ou o reencontro con Diego en A Mundiña . Hai moitos anos, vexo no blog que en 2008, coñecín o traballo de Suso Rodríguez , por entón no arteixán Restaurante Gómez. Perdinlle a pista por bo tempo, até que o atopei de novo moi preto, no Pirixel da praia de Barrañán. Tardamos, pero por fin fomos o fin de semana pasado e non me sorprendeu para nada a calidade do xantar que tomamos. O salpicón de lubrigante era maiúsculo – con ese aliño que está sen estar – e moi bo tamén o arroz, ao tempo meloso e ao dente. Antes, unha veraniega ensalada de tomate, cebola e sardiña; despois, uns lombos de bonito tamén de verán, aínda con non ter chegado no climatolóxico. Non quedou espazo para a sobremesa. Barrañán está afastado do...

La Molinera (Lalín): cocido, si; pero moito máis

Imaxe
Dame vergoña, si, pero teño que confesalo. Nunca lle fun tomar o cocido a Moli . Manda carallo. Na miña defensa, non pasei ningún dos últimos doce invernos en Galicia. Seino, non é excusa. Prometo que o erro quedará corrixido o ano próximo. Porén, téñolle probado outras cousas a Moli . Porque fai máis cousas e fainas moi ben. A última vez, a semana pasada. Lá fomos a Lalín, nun día gris que non foi obstáculo para dar un paseíño previo pola Fraga de Catasós. Fainas moi ben, si. Xa sexa o pilpil que vai coa navalla ou a holandesa do espárrago, xa sexa o ponto do atún ou do mero (¡que boa a espardeña!), xa sexa a melosidade da carne (alí xoga en casa) ou a “meneabilidade” do flan. Mención aparte para a adega: din os que saben que unha das mellores de Galicia. O Luis Anxo Escolma 16, dende logo, estaba boísimo. Entón, ao mellor agora tamén ti tes que corrixir un erro, non? 😉 Ver esta publicación en Instagram

De volta en Omakasé (A Coruña)

Imaxe
Nova visita a Omakasé Sushi Bar . Alí seguen un moi bo tratamento do peixe (especialmente do branco e dos mariscos) e un shari de nivel. Como nivel ten a omakasé paralela de viños dirixida por Andrés . Só me falta convencer aos meus fillos de ficaren na casa para, na seguinte, poder cear na barra diante de Adrián . Ver esta publicación en Instagram