A caldeirada de raia de Taberna Beade (Paderne)

Imaxe
Pasado o cruce da N VI (négome a chamala N 6) en Coirós, corredoiras arriba en dirección a Paderne, xa ía matinando na carne asada de Taberna Beade e nalgún dos viños vellos de Ribeiras de Armea , a lingua feita auga. Poucos minutos despois, Josiño sacaba* unha agudelo de 2018, crianza biolóxica, pequena xoia, unha mostra máis do potencial de Betanzos e do crack que é este home. E na pota de porcelana, tralos boqueróns e as luras de potera ben fritidas, o xarrete que se desfai na boca, os pementos. Moito se fala das cores do chuletón, moi pouco das da pataca confitada: pequena, redonda, feita ben amodo, amareliña do azafrán por fóra, branquiña por dentro, melosa, sabedeira. Porén, o cadro foise ao carallo. Foi a raia, a caldeirada de raia. Non sei como fixo Ivett, pero estaba de impresión: carne tersa, branca, aveludada; peixe e preparación humildes roubando todo o protagonismo da boa feitura que tiñan. Tremendo. Pouco valoramos termos lugares así. Casa de comidas que mantén...

Tira do Playa (A Coruña): vista, peixe, brasa, nesa orde


O outro día, á saída do Fragón, o paseo pola Praia Langosteira comezaba cando os últimos comensais saían do Tira do Cordel, lugar onde aconteceu unha das primeiras experiencias gastronómicas con maiúsculas das que teño memoria (aínda lembro esa tremenda robaliza chegando á mesa), hai máis de vinte anos. A pesar diso, nunca me animei a coñecer o Tira do Playa, que nacía en orixe como a versión coruñesa do restaurante fisterrá, aínda que coido que dese proxecto só queda o nome.

Iso mudou hai un par de días. O local é espectacular, literalmente enriba do mar, cunha cristaleira de teito a chan que permite comerse a enseada do Orzán cos ollos: o mellor marco da cidade. Tomamos un tartar de atún Balfegó, rico, que merecía un mellor corte; unhas espectaculares gambas brancas de Huelva; e un rodaballo á brasa, de pouco máis de un quilo, cun ponto de cocción que eu cualificaría de conservador. A carta de viños ten cousas ben interesantes: o 69 Arrobas de Albamar estaba alí agardando para acompañar esa comida.

Pero.

Eu quedei coa sensación de que o local está pedindo máis, que é unha oportunidade aínda por aproveitar: ben sexa pola vía de levar o produto e a brasa, da man, a todo o que poden dar; ben sexa incorporando elementos diferentes na cociña.

Foime ben estar nunha mesa no medio do tránsito dos camareiros para tratar de entender por que iso non acontece. Vin pasar moitas croquetas, moito polbo e moitas ameixas, digamos que o sota-cabalo-rei da carta. Vin pasar arroces, menos peixes. Vin pasar Mauros e Predicadores*. Vin, en fin, un tipo de público que non está disposto a experimentar, a saírse do de sempre. Un público que, por certo, ateigaba un restaurante que non é precisamente barato.

Entón, se eu fora o dono do restaurante, ¿cambiaría algunha cousa? Moi probablemente non. Ao final, isto é unha cuestión de oferta e demanda, e a realidade é que hai moita demanda feliz de ficar no confort do de sempre. E está ben, non teño nada que obxectar.

Eu, pola miña banda, seguirei procurando experiencias memorábeis. Pero fareino noutro tipo de lugares.

(*) Na saída, albisquei un brote verde: nunha mesa tiñan unha botella do magnífico Viña de Martín Escolma. Seica non estabamos sós.

Comentarios