A caldeirada de raia de Taberna Beade (Paderne)

Imaxe
Pasado o cruce da N VI (négome a chamala N 6) en Coirós, corredoiras arriba en dirección a Paderne, xa ía matinando na carne asada de Taberna Beade e nalgún dos viños vellos de Ribeiras de Armea , a lingua feita auga. Poucos minutos despois, Josiño sacaba* unha agudelo de 2018, crianza biolóxica, pequena xoia, unha mostra máis do potencial de Betanzos e do crack que é este home. E na pota de porcelana, tralos boqueróns e as luras de potera ben fritidas, o xarrete que se desfai na boca, os pementos. Moito se fala das cores do chuletón, moi pouco das da pataca confitada: pequena, redonda, feita ben amodo, amareliña do azafrán por fóra, branquiña por dentro, melosa, sabedeira. Porén, o cadro foise ao carallo. Foi a raia, a caldeirada de raia. Non sei como fixo Ivett, pero estaba de impresión: carne tersa, branca, aveludada; peixe e preparación humildes roubando todo o protagonismo da boa feitura que tiñan. Tremendo. Pouco valoramos termos lugares así. Casa de comidas que mantén...

2024: os meus restaurantes favoritos do rural galego


Sempre quixen facer listas, esas listas de fin de decembro que todo o mundo fai. Tras un ano de volta na terra, coido que, por fin, chegou o momento. E vou comezar polo que máis me chamou a atención nestes meses: ese agromar de proxectos no rural, lonxe das grandes cidades e do polo turístico das Rías Baixas.

Talvez os máis extremos, por lonxe de todo, sexan O Secadeiro en Banzas (Outes) e Landúa en O Fieiro (Mazaricos): en ámbolos casos, un casal novo á fronte de todo e unha cociña de moito, moito nivel. Seguen os pasos de Roberto e Marta, que deixaran hai xa anos Pontevedra para abrir O Balado en Ardesende (Boqueixón), outro lugar que hai que visitar.

Pisei moito a Costa da Morte. No centro de Malpica, Material traballa moi ben a brasa co imbatíbel produto do lugar; non lonxe, en Ponteceso, Rafa e Silvia comandan o Balarés Hotel, trasladando a súa solvencia da Coruña ás terras de Pondal, canda as queixumes dos pinos. En San Martiño de Arriba, vixiando Fisterra desde o alto, O Fragón ofrece un abraiante equilibrio entre cociña, produto e paisaxe.

Tamén na Coruña, hai anos, coñecín a Javier Montero, quen segue a oficiar coa mesma elegancia, agora na Mariña, nun pequeno hotel nos arredores de Ribadeo. Perdéralle por un tempo a pista, igual que a Suso Rodríguez: afortunadamente, volvín atopalo nese pequeno recuncho da praia de Barrañán (Arteixo) onde se come de carallo: o Pirixel.

Teño moi abandonada Ourense, seino: algo que vou corrixir no 2025. Pero non quero pechar sen mencionar un par de sitios no interior, mesmo noutras provincias. No lugar da Páxara (O Saviñao), no miolo da Ribeira Sacra, os doidos do viño temos un novo fogar para beber, comer, durmir en Tres Portas. E para pechar (si, xa sei que Lalín non é exactamente rural, pero tampouco é Londres), a imprescindíbel mención a La Molinera, o berce, a catedral, o epicentro mundial do cocido.

Non están todos os que son, pero coido que son todos os que están. Da para animarse a un paseo, ¿non?

Comentarios