II Premios da Cociña Galega: unha lareira e unha cociña de ferro
Teimando en comer, beber e contar
Dous mil douscentos. É o límite de caracteres para un post de Instagram. Non dan nin de lonxe para falar de Bisavis e de Eduard.
Eduard, el soíño: avogado mutado en cociñeiro, sumiller, camareiro; el soíño diante de oito ou nove clientes, eses son os tallos que ten na barra; el soíño falando, cociñando, abrindo botellas, bebendo, sorrindo, poñendo a música (Depeche sempre), falando un pouco máis.
Sentín moita envexa de Eduard. Porque o tipo traballa en facer feliz aos demáis e, só hai que velo, é o máis feliz de todos mentres o fai. “Até pásoo ben fregando”, dicía, “se a noite foi boa”. E fora ben boa. Tan boa que recuncamos para o xantar.
En Bisavis non hai quendas, os reloxios non son benvidos. Os pratos son de Duralex, deses verdes da avoa, e as copas, Zalto e Riedel. A carta de viños ten trinta páxinas, pero non hai que lela; só é contar como tes o corpo: chegará a botella axeitada.
A cociña é directa, sinceira, sinxela. O máis importante: recoñecible. O bisabis está tamén no prato: espardeña e sobrasada, boletus e panceta, atún e allobranco, vieira e butifarra, anchoa e pan doce, panna cotta e caviar, steak tartar e o adubo certo.
E a escolma de viños, caralluda. Viaxamos por Borgoña, Jura, Xerez, Aragón, Priorat... cunha paradiña en Castrelo, co Pepe Luís de Xurxo Albamar.
Nunca estivera nese recanto do Eixample barcelonés. Fun cear por primeira vez e, ao día seguinte, estaba alí xantando de novo.
Nada máis que engadir, señoría.
Comentarios
Publicar un comentario
Deixa o teu comentario...