Publicacións

Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Ríos O Freixo (Outes): o escacho como estrela

Imaxe
Outro xantar deses en Ríos O Freixo (Outes). Dos de produto do mar en estado puro, tratado co máximo respecto, case diría que coa máxima admiración. A estrela da tarde foi un escacho ou rubio, con certeza non un dos peixes de máis nome, pero que ben asado no forno amosa unha carne branca, fina, tersa, sabedeira. Non o tiña doado: antes chegaran as ameixas rubias, os carneiros ao natural, as cigalas, o carpaccio de gamba. Rivais de altura, pero aínda así. O líquido non ficou atrás, porque a escolma de viños é ben potente. É unha marabilla poder acompañar un xantar tan galego con varietais de lado e caíño longo, Ribeiro da Arnoia de Mauro Estévez e Ribeira Sacra de Quiroga de Atrium Vitis , respectivamente. Formidábeis ambos os dous. Peixe humilde elevado a estrela, viños que non precisan gritar para expresar Galicia. O oficio de Ríos O Freixo fai del un lugar onde o importante segue sendo importante, algo cada vez menos frecuente. Ver esta publicación en Instagram

Crónica dunha previa en Salpica (A Coruña)

Imaxe
3:10 – Ímoslle á previa a Salpica !! 13:25 – Oes, Vanessa , hoxe temos o corpo de branco do Ribeiro. Que tes por aí? 13:35 – Carallo, está bo este godello con anos de Adegas Celme . Non o imos tomar só, non? Manolo , abre unhas ostriñas, porfa! Das planas, mellor. E xa que andas, trae uns mexillóns en escabeche. 14:10 – Estando aquí tan ricamente, eu diría que picamos algo máis e saímos xantados. Un par de cigalas á prancha, veña. 14:30 – Que probemos a pescada en tempura e o polbo? Dalle, ti vai sacando. 15:10 – Haberá que tomar algo de sobremesa, non? Pon aí uns camaróns, que eu non che son moito de doce. E algo de viño, que a botella do Celme tiña un buraco. 15:35 – Ben, unha copiña de tinto para pechar... Como prestan esas previas que viran en detallados estudos empíricos sobre o pracer do bo xantar e beber. Vivan os bares, vivan as barras!!!!! Ver esta publicación en Instagram

Retiro da Costiña (Santa Comba): ¿por que hai que escoller?

Imaxe
Moitas, moitísimas veces téñenme preguntado ¿ti que prefires, a cociña elaborada, a de puro produto ou a cociña tradicional? Ou sexa, ¿Culler de Pau, d’Berto ou un cocido en La Molinera? O que viría sendo, na Coruña, ¿Gunnen, un chuletón no Divino ou os callos de Miga ou Culuca? Obviamente, a miña resposta sempre é a única posible: ¿por que hai que escoller? Todo, absolutamente todo. Non hai incompatibilidade algunha entre tomar un menú degustación un día e unha caldeirada ao seguinte. Mesmo que algúns o pensen. Vén todo isto a conto da visita ao Retiro da Costiña na fin de semana pasada, despois de longo tempo sen nos achegar por Santa Comba. O plano orixinal era xantar no restaurante e ficar a durmir nas vilas. E así comezou a cousa, co percorrido polas zonas de traballo mentres tomabamos os petiscos iniciais – troita, ameixa, cachena, anchoa, anguía –, rematado na espectacular adega. Xa no comedor, chegaron os pesos pesados: bertóns e garavanzos (xa que falamos de elaborado...

O último día da Taberna do Bico (Camariñas)

Imaxe
Por casualidade ou por fado, caemos este domingo na Taberna do Bico , o último día no que operaba como tal. Produto, viño e simpatía atopan un novo fogar, só a uns metros do actual, nas estreitas rúas do miolo da vila de Camariñas: o Agocho do Bico , onde tamén se poderá pasar a noite. Conseguimos albiscar o interior a través das xanelas da casona de pedra e ten moi boa cara. Nesa visita final á taberna (que continuará funcionando de xeito máis informal), volandeiras, ventresca de atún, alcachofas, un señor linguado e torta de cenoria. Na copa – que boa a carta de viños! –, unha chenin blanc do Loira. Seica as visitas a este recanto da Costa da Morte van ter que converterse en fins de semana completos! Ver esta publicación en Instagram

Concha (A Coruña): unha rota propia

Imaxe
Só teño ido unha vez a La Esquina de Valentina . Era un luns chuvioso de inverno pola noite, andabamos pola zona e era dos poucos lugares abertos. E gustamos do que tomamos. Sumemos a iso as reaccións tralas primeiras semanas após a apertura, xusto á carón, de Concha , tamén nas mans de Nacho Moreira . Había que ir probalo, desta vez a tempo. Concha é un local mediano, longo, cunha lumieira ao fondo que prové unha luz ben xeitosa. A carta é sinxela, tamén a cociña, pero co punto de personalidade suficiente para marcar unha rota propia, para evitar caer na uniformidade tan presente. Como a ostra aberta á brasa, morna, explosivo recendo a afumado que se mestura co salino na boca. Ou o salmonete con crema de chícharo e allo; ou a raia á brasa (si, hai máis xeitos de preparar a raia!) con salsa brava, que eu faría máis brava; ou os chocos á carbonara: guanciale, ovo, as patiñas rebozadas con fariña e a súa tinta. Non queda atrás a lasaña de centolo. Apañada tamén a escolma de viño...

Outra vez na taberna de Casa Solla (Poio): viño, vinilos e boa compaña

Imaxe
Na taberna de Casa Solla bébese, cómese, escóitase música, fálase e, por riba de todo, pásase moi ben. Se vos podedes xuntar un grupiño de catro, cinco ou máis que devezades polo viño, a mesa/cociña, os vinilos e a monumental carta en tres tomos están alí agardando. Nós eramos sete, e fixemos unha viaxe boa: de Betanzos (Senlleiro) a Rías Baixas (Fulcro Fabaíños e 69 Arrobas), todos de anadas xa con tempo; fóra de Galicia (o mellor xeito de valorar o que temos aquí é probar moito de alí), pasamos por Champagne, por Borgoña, por Rioja, por Jerez, por Mosela e até polo Líbano. Sempre xogando con Gabriel, á fronte da parte líquida. E a comida, pedida sobre a marcha segundo o viño vai demandando, preparada no momento con moita axuda dunha pequena brasa, á altura do que cabería esperar: as cigalas, os camaróns, a sarda, só apaxados no lume; a coliflor e o salpicón de lumbrigante, con aliños máis cítricos do habitual; tamén guisos, albóndegas ou cogomelos; e flan e queixos para rematar....

Comezando o ano en Bido (A Coruña)

Imaxe
Comezando o ano en condicións. Repaso aos clásicos de Bido : a pescada, perfeita de punto, cos seus berberechos. A empanada de bonito. O canelón de galo celta cun pesto dos bos. Tamén mexillóns con níscalos e curry; alcachofas con panceta e un caldo de xamón para beber a litros. Mestre Mateo, Quinta da Muradella tinto 2018, tan elegante como a comida. Ver esta publicación en Instagram

A volta de Izakaya Hokuto (A Coruña)

Imaxe
“A poucos metros do Campo da Leña, agochada entre horríbeis moles de ladrillo e formigón, resiste unha pequena mazá de casiñas cun xardín central, agardando con paciencia a que o progreso a leve por diante: o Campo de Artillería. Nese escenario, poucas cousas resultan máis naturais ca unha taberna.” Así comezaba a falar da Izakaya Hokuto hai dez anos, cando abría na Coruña o pequeno local que daba acubillo ao proxecto de Carlos Pérez: apenas unha barra para oito ou dez comensais e algunha mesa. E, como en todo bo restaurante xaponés, unha carta de técnicas: o produto é o mellor dispoñible en cada momento. Bastantes anos tralo seu peche, hai apenas unhas semanas, recibimos a boa nova da reapertura. E, unha década despois, alí segue o mesmo espírito: preparacións clásicas xaponesas – sashimi, usuzukuri, sushi, teriyaki; apenas uns dumplings sáense da ortodoxia – co toque persoal nos temperos que dá o pasado de Carlos en Kabuki. Seica onde mellor se aprecia isto último sexa nos sas...