Entre mareas e leiras en Pementa Rosa (Carballo)

Imaxe
Tres surfistas camiñan cara á auga coas táboas baixo o brazo, tres figuras minúsculas na inmensidade da praia. Baldaio, co ceo de chumbo e o mar rompendo lonxe: un deses días nos que o ollar vai do un ao outro sen acabar de decidirse. Non sei se os surfistas atoparían o que buscaban nas ondas. Nós si tiñamos claro onde queriamos chegar despois de percorrer o enorme areal de beira a beira: a Pementa Rosa , en Carballo. Xa sentados á mesa, semellaba que seguíamos a carón do Atlántico, dos montes e das hortas de arredor: usuzukuri de robaliza con bilbaína, moi bo; vieira con demiglace de ave e Galmesán; cigalas con fabas de Ponteceso (de Colectivo Xebre ); un sanmartiño excelente co seu pilpil; e unhas cantarelas con pataquiñas e ovo. Na copa, como Rubén é un fan do champagne, a elección veu case dada: o Philipponnat que nos trouxo acompañou moi ben a viaxe. Fóra, en Baldaio, ficara o mar coa súa teima de romper sempre no mesmo sitio. Dentro, por un tempo, tamén tivemos o noso pe...

Outra vez na taberna de Casa Solla (Poio): viño, vinilos e boa compaña


Na taberna de Casa Solla bébese, cómese, escóitase música, fálase e, por riba de todo, pásase moi ben. Se vos podedes xuntar un grupiño de catro, cinco ou máis que devezades polo viño, a mesa/cociña, os vinilos e a monumental carta en tres tomos están alí agardando.

Nós eramos sete, e fixemos unha viaxe boa: de Betanzos (Senlleiro) a Rías Baixas (Fulcro Fabaíños e 69 Arrobas), todos de anadas xa con tempo; fóra de Galicia (o mellor xeito de valorar o que temos aquí é probar moito de alí), pasamos por Champagne, por Borgoña, por Rioja, por Jerez, por Mosela e até polo Líbano. Sempre xogando con Gabriel, á fronte da parte líquida.

E a comida, pedida sobre a marcha segundo o viño vai demandando, preparada no momento con moita axuda dunha pequena brasa, á altura do que cabería esperar: as cigalas, os camaróns, a sarda, só apaxados no lume; a coliflor e o salpicón de lumbrigante, con aliños máis cítricos do habitual; tamén guisos, albóndegas ou cogomelos; e flan e queixos para rematar.

Como dixera no post de hai algúns meses, na miña primeira visita: ¡que boa idea tivo Pepe Solla!

Comentarios