Entre mareas e leiras en Pementa Rosa (Carballo)

Imaxe
Tres surfistas camiñan cara á auga coas táboas baixo o brazo, tres figuras minúsculas na inmensidade da praia. Baldaio, co ceo de chumbo e o mar rompendo lonxe: un deses días nos que o ollar vai do un ao outro sen acabar de decidirse. Non sei se os surfistas atoparían o que buscaban nas ondas. Nós si tiñamos claro onde queriamos chegar despois de percorrer o enorme areal de beira a beira: a Pementa Rosa , en Carballo. Xa sentados á mesa, semellaba que seguíamos a carón do Atlántico, dos montes e das hortas de arredor: usuzukuri de robaliza con bilbaína, moi bo; vieira con demiglace de ave e Galmesán; cigalas con fabas de Ponteceso (de Colectivo Xebre ); un sanmartiño excelente co seu pilpil; e unhas cantarelas con pataquiñas e ovo. Na copa, como Rubén é un fan do champagne, a elección veu case dada: o Philipponnat que nos trouxo acompañou moi ben a viaxe. Fóra, en Baldaio, ficara o mar coa súa teima de romper sempre no mesmo sitio. Dentro, por un tempo, tamén tivemos o noso pe...

A nova taberna de Casa Solla (Poio)


¡Que boa idea tivo Pepe Solla! Eu lembraba ese recanto medio agachado cos sofás, no que, efectivamente, non apetecía moito sentarse a tomar un café ou incluso unha copa despois de gozar do menú no luminoso e acristalado comedor, sobrevoando o xardín.

Agora, ese espazo mudou nunha taberna. Nunha taberna moi especial. Preside unha gran mesa-barra, rodeada dunha ducia de cadeiras, onde un cociñeiro finaliza en vivo os pratos diante dos comensais, coa axuda dunha pequena grella e pouco máis. Tras el, unha lousa indica as opcións do día: propostas sinxelas pero cun nivel de preparación acorde ao restaurante gastronómico que opera apenas uns pasos por detrás.

Preside a mesa un tocadiscos, onde se pinchan os vinilos expostos nunha das paredes de pedra, por selección en estritas quendas dos clientes do día. Na miña visita, por alí pasaron Blur os Strokes ou The National, entre outros (afortunadamente, non me pareceu albiscar reguetón).

Pero o máis importante chega en tres tomos: a carta de viños. Dan ganas de ficar toda a noite para lela enteira. O máis sobranceiro das adegas galegas, con anadas que se remontan a 2010; e moitas opcións de fóra, que só tiven tempo para sobrevoar. A uns prezos moi, moi razoables.

En fin, que había que comezar cun clásico e alí que caeu un Viña de Martín Escolma 2012 do grande Luis Anxo: marabilla xa desde a cor na copa. De comer, empanada de xouba, tartar de bonito con aguacate, cocochas á grella e o seu pilpil, xarda á grella con escabeche e unha escolma de queixos galegos (si, con todos eses nos que estás pensando).

Cando chegou o momento de probarlle os tintos, o corazón tiraba para Rías Baixas. Pero o mundo é moi largo e os nosos curmáns atlánticos do Loira fan cousas moi chulas que hai que explorar. Por consello de Gabo, unha pineau d’aunis de Château Yvonne fantástica, que me lembrou moito ás espadeiros de por aquí.

Vaia, que os amantes do bo viño teñen na Taberna de Casa Solla un lugar polo que é obrigatorio pasar. Iso si, que saiban que van atopar unha pequena vinganza: non hai café.

Comentarios