Atelier de Amanda (Mera, Oleiros): fixémoslle caso ao faro

Imaxe
Seica o faro de Mera e a Torre de Hércules levan décadas laretando dun lado ao outro da ría, coma dous vellos sentados en bancos distintos dun mesmo paseo. Hoxe, sol de novembro e día de primavera, ouvíanse ben. A Torre presumía de cidade, de rúas e de xente. O faro, máis calado, apuntaba cara a terra, a unha Mera case baleira, onde fumega a cociña do Atelier de Amanda . Fixémoslle caso ao faro. Dos xa coñecidos, o sashimi de vieira chegou desta vez morno: gosto máis desta versión de outono; a carbonara de migas, ovo, San Simón e chourizo segue a ser un pratazo. Chourizo tamén nas novidades, con castañas nas croquetas, mellores que as de queixo; estupendo o allo branco con sardiña e algas que traía o mar enteiro dentro. Como o traía o sargo de Pescados Rabina cun fondo de patacas de Coristanco. A sobremesa (remolacha, limón e froita da paixón) gañou a miña atención: novidade! O Bierzo tamén quixo sentar á mesa: Ultreia Rapolao de Raúl Pérez . Novembro, sol, mar, paseo e unha bo...

Omakasé Sushi Bar (A Coruña): ¿falan os peixes idiomas?


¿Falan os peixes idiomas? ¿En que momento o galego da xarda ou o acento andaluz do atún de almadraba viran en sons xaponeses?

Porque cando un nigiri pousa na táboa, recoñeces o produto, sabes de onde vén, sitúalo nun prato de sempre. O seu sabor está aí, pero non chega por onde esperas. Ven máis limpo, máis directo, sen ruído. É o peixe que xa coñeces… pero que de súpeto ten algo novo que dicir.

Ou, talvez, está dicindo o mesmo, pero noutra lingua, cunha tradución ben fina. Unha tradución baseada na técnica, na tradición, no extremo coidado desde o tempero do arroz até a maduración do peixe ou o aloumiño do binchotan.

Iso é o que acontece na barra de Omakasé Sushi Bar co que sae das mans de Adrián: un diálogo que non precisa tradutor; unha conversa en voz baixa na que todo cadra.

A parte líquida agora está comandada por Javier Facal. Aquí non houbo traducións, nin falla que facía: a gheada e o seseo do Salnés ficaran íntegras no fantástico 69 Arrobas de Albamar.

Ver esta publicación en Instagram

Comentarios