II Premios da Cociña Galega: unha lareira e unha cociña de ferro

Imaxe
Unha lareira e unha cociña de ferro. Invocou a imaxe Begoña Vázquez , de Regueiro da Cova , e ficou cravada nos meus miolos onte á noite nos II Premios da Cociña Galega. Non un prato, non un nome, non un aplauso. Unha cociña de aldea co lume aceso, a pota fervendo amodiño, alguén ao carón, sen présa. Falouse de moito e falouse ben. Ser cociñeiro en Galicia é unha sorte, dixo cada quen ao seu xeito. Antón gabou o praceiro, a lonxa, o mariñeiro, como outros fixeron con labregos e gandeiros. Anxo case berrou “eu quero vivir no rural”, igual que Xurxo . Houbo vivas para o capón de Vilalba, para o cocido de Lalín, para a empanada, para o polbo á feira, para a lamprea. Houbo lembranzas e dedicatorias a pais, nais, avós e avoas, mesmo bisavós e bisavoas. Territorio. Identidade. A lingua e a cociña, as dúas cousas que mellor nos explican e as dúas que máis doado é deixar ir. No persoal, moi ledo por poder ter sido parte destes premios. E, especialmente, por ver recoñecidos tantos d...

Recuncando en Nordestada (Portosín)


Recuncamos en Nordestada. Recuncamos o tartar de bonito con ensaladilla, tamén as navallas con escabeche de limón. As tostiñas - finas, crocantes, non de brioche: que ben! - con manteiga de allo negro desta volta eran con sardiña. Novos os tremendos mexillóns XXL - dunhas bateas especiais de Aguiño, non podo dicir máis - en vinagreta. Nivel, nivel.

O pargo para catro, monumental, carnoso, con mordida, cunhas pataquiñas asadas das que só hai por esta terra. Como xa é tradición, camaróns de sobremesa.

Bebemos moi ben: o Pepe Luis 21 do Capitán Albamar, unha pinot de Toni Jost e algo de Niepoort para rematar.

E, por riba de todo, tan a gusto con Nel, Pablo e todo o equipo. Sitiazo en Portosín!

Comentarios