Publicacións

Árbore da Veira (A Coruña): da cereixa á mazá

Imaxe
Durante moito tempo, a Árbore da Veira deixaba caer cereixas ao comezo da velada, cereixas vermellas e mentireiras: quen as mordía atopaba foie onde habían de estar a carne e o óso. Antonte non houbo cereixa. A árbore deu outra froita, e deuna ao final, cando xa ninguén a agardaba: unha mazá que tampouco era mazá, co queixo azul agochado no corazón. As árbores cambian co tempo: esta tamén. Deume por pensar que, dalgún xeito, esa troca de froitas tamén conta algo da cociña de Luis Veira , unha cociña que agora pisa máis lene e que antonte deixou na mesa pratos notábeis como o falso nigiri de anguía, steak tartar e trufa, o ceviche de peixe limón ou a stracciatella con champiñóns. Porén, o meu sitio segue a estar nos fondos e nos guisos, que agora pegan un pouco menos os beizos: a kokotxa e o seu pilpil, a pescada, a cigala con boletus e, sobre todo, as moegas de año e a raia con repolo. Para beber, o Bastardo 2016 do Mestre Mateo. Viñazo. A árbore cambia de froito, pero as raíces ...

Gresca (Barcelona): ¡que razón tiñan!

Imaxe
Cando pedía consello para a finde gastronómica en Barcelona, unha palabra, seis letras, estaban sempre presentes, con especial vehemencia se quen falaba era un cociñeiro: Gresca. Non Disfrutar, nin Enigma, nin os irmáns Torres: Gresca . Alá que fomos, claro. E carallo se tiñan razón. Cociña de verdade, ao tempo da de sempre e da de hoxe; cociña enjundiosa que dirían os meus amigos chilenos. ¡Que marabilla eses sesos cremosos! (Souben, por certo, que Balazs Menyhard traballara con Rafa Penya en Gresca: hai que ir a 55 Pasos a tomarlles os sesos sempre que os teñen) Había que ver a miña cara cando chegou o bacallau: só unha ollada daba para saber que ía ser algo completamente diferente, meloso, sabedeiro. E podería seguir. Co coello, coas moegas, coa xarda, co salmón, co bikini de lomo e comté; coas sobremesas; coa gamay do Ródano ou co champagne. Non é preciso, xa vos facedes á idea. E, para rematar, tivemos a sorte* de vivilo desde a mesa da cociña. Miña nai, ¡que razón tiñ...

Quince anos, quince meses: de volta en Dos Palillos (Barcelona)

Imaxe
Quince anos entre a primeira e a segunda vez que entrei en Dos Palillos , no Raval barcelonés; entre a segunda e a terceira, venres pasado, quince meses. Se en quince anos confirmas que o proxecto de Albert Raurich está por riba das modas, en quince meses constatas que crea adición. Na era do hype de usar e tirar, o verdadeiro luxo é a consistencia. Volver á barra de Dos Palillos , vivir o pase literalmente desde a cociña, é redescubrir o mesmo magnetismo. Dos pratos falan as fotos: algúns novos (figos, gamba), outros que xa estaban na visita anterior (shiokara, naresushi, usuzukuri) e algún (sasami, papada) que leva aí tanto como as miñas lembranzas. A novidade e os clásicos convivindo sen molestarse. Cando marchaba, souben que Ferrán Adriá estaba ceando esa mesma noite no restaurante do seu discípulo. Se el tamén volve, ¿quen son eu para levarlle a contraria? Ver esta publicación en Instagram

Bisavis (Barcelona): Eduard, el soíño

Imaxe
Dous mil douscentos. É o límite de caracteres para un post de Instagram. Non dan nin de lonxe para falar de Bisavis e de Eduard. Eduard, el soíño: avogado mutado en cociñeiro, sumiller, camareiro; el soíño diante de oito ou nove clientes, eses son os tallos que ten na barra; el soíño falando, cociñando, abrindo botellas, bebendo, sorrindo, poñendo a música (Depeche sempre), falando un pouco máis. Sentín moita envexa de Eduard. Porque o tipo traballa en facer feliz aos demáis e, só hai que velo, é o máis feliz de todos mentres o fai. “Até pásoo ben fregando”, dicía, “se a noite foi boa”. E fora ben boa. Tan boa que recuncamos para o xantar. En Bisavis non hai quendas, os reloxios non son benvidos. Os pratos son de Duralex, deses verdes da avoa, e as copas, Zalto e Riedel. A carta de viños ten trinta páxinas, pero non hai que lela; só é contar como tes o corpo: chegará a botella axeitada. A cociña é directa, sinceira, sinxela. O máis importante: recoñecible. O bisabis está tamé...

O nigiri galego do Buxo Taberna (Cambre)

Imaxe
“Velaquí o nigiri galego”, sorría Iván, retranqueiro. Na fontiña de madeira, broa torrada, un pouquiño de tomate e sardiña grellada só pola parte da pel. Nas proporcións certas, ademais: moito máis peixe que pan. Certo, era unha tosta de sardiña, pero non outra tosta de sardiña. E iso é o que mola tanto do Buxo Taberna : un bar de vila, un bar de estrada que consegue darlle unha voltiña ás cousas sen que deixen de ser elas mesmas. E faino con moi, moi boa man. Antes, ¡benvidos cogomelos!, paté de campaña con cantarelas e angulas de monte á carbonara. Despois, un magnífico peixe sapo fritido (a carón da xanela, nun mediodía solleiro, esa carne branca e brillante case hipnotizaba) con mollo de cigalas e allada; e un arroz con polo da casa de verdade. Pedía branco vello ese xantar e alá foi un Gravonia 2016, porque a carta de viños é desas. Seica Iván non andaba de brincadeira co nigiri. Igual estaba simplemente explicando o Buxo: unha casa na que a personalidade pode vir nunha fo...

Concha (A Coruña): volver só porque presta

Imaxe
A primeira vez – aínda non estaba Concha – foi unha chuviosa noite de luns, La Esquina de Valentina case a única opción. A segunda, hai uns meses, para coñecer a entón recente apertura de Nacho Moreira , xusto a carón. Desta vez, a terceira, foi simplemente porque prestaba volver. Prestaba recuncar: a ostra aberta á brasa, morna, afumada; a lasaña de centola. Prestaba probar cousas novas, agora nos últimos días do verán: o bonito curado con escabeche; un tan contundente como sabedeiro prato de ovos, patacas e rodaballo; as magníficas vieiras con millo (sedosas, allo e chourizo para dar substancia). Prestaba un xa clásico da casa que non tomaramos a primeira vez: a sopa de marisco. Non fomos moi lonxe para o viño: Ribeiras de Armea e Betanzos sempre son unha escolla axeitada. E así, sen máis, fomos volvendo. Que ás veces tamén é un xeito de saber que un local vai gañando o seu espazo, marcando a súa presenza: un día lévate a choiva, outro a curiosidade e, ao terceiro, xa non fa...

Un concerto de mar en Ríos O Freixo (Outes)

Imaxe
Seica lestes que hai unhas semanas fun ver os Foo Fighters. Entre outras cousas, porque xusto antes tocaban Queens of the Stone Age. Tremendo concerto, non menos tremenda a previa. A fin de semana pasada foi, dalgún xeito, a versión gastronómica daquelo. Se domingo era Asador O'Pazo (post anterior), o solleiro sábado pasamos polo portiño do Freixo a gozar no Ríos O Freixo , en Outes. Os irmáns Vidal transmutados en Dave Grohl e os Ríos en Josh Homme, as guitarras en brasa e forno. Cigalas, salpicón, carneiros ao natural. E despois, un rodaballo que xa non precisaba demostrar nada, pero fíxoo. Carne firme, zumarenta, saborosa, ese punto exacto no que o forno deixa de ser unha ferramenta e pasa a ser oficio. E Nando foi xeneroso: sacou un Sacabeira 19 de Iria Otero Mazoy , un exemplo máis (¿fan falla, a estas alturas?) do marabillosamente que envellecen os albariños ben feitos. De sobremesa, camaróns cunha manzanilla pasada, no que xa se está a convertir nun perigoso costume...

Asador O'Pazo (Padrón) e a procura do puntiño máis

Imaxe
Volver con frecuencia a un restaurante que admiras ten algo de ritual e algo de perigo: o perigo de dar as cousas por sentadas. Por moi bo que sexa, o efecto novidade pérdese, o padal acostúmase e o que onte parecía extraordinario acaba converténdose, amodo, no mínimo esixíbel. Somos insaciábeis, sempre queremos máis. Porén, fronte á ditadura do efémero, da novidade pola novidade, hai lugares (poucos, un deles Asador O'Pazo ) que son quen de manter vivo o impacto da primeira vez a base de non se conformaren co que xa é de seu moi bo, de traballaren arreo os matices: a procura permanente desa diferenza case imperceptíbel entre o que se goza e o que se lembra. No caso dos de Padrón, a partir dunha lectura do produto e do lume que xa transcende a técnica; é intuición pura. Non sei cal é o teito desta casa, pero dá gusto ver a un equipo que, estando xa no máis alto, segue buscando ese puntiño máis, tamén na sala. A min só me queda seguir vindo a comprobar o resultado. [Desta vo...

Casa Surrey (A Coruña): Fran fai que pareza sinxelo

Imaxe
Fran fai que pareza ben sinxelo. Ambiente de taberna, material bo, proposta con sentidiño, prezos moito máis que razoábeis, a sensación de estar na casa. Por iso, Casa Surrey sempre ateigada, sempre un balbordo algareiro. Nécora, cigala, camarón, salpicón: dúas horas de ensuxar ben os dedos, de chuchar cabezas, de triscar patas... Capítulo aparte os viños. Onte foran dúas botellas con case unha década, dous 2017: o Finca Misenhora de Casal de Armán , case ao límite pero que acabou amosando o que é; e unha riesling alsaciana afiada, vizosa. Fran fai que pareza sinxelo. Para nada o é. Iso sabémolo todos. Ver esta publicación en Instagram