II Premios da Cociña Galega: unha lareira e unha cociña de ferro

Imaxe
Unha lareira e unha cociña de ferro. Invocou a imaxe Begoña Vázquez , de Regueiro da Cova , e ficou cravada nos meus miolos onte á noite nos II Premios da Cociña Galega. Non un prato, non un nome, non un aplauso. Unha cociña de aldea co lume aceso, a pota fervendo amodiño, alguén ao carón, sen présa. Falouse de moito e falouse ben. Ser cociñeiro en Galicia é unha sorte, dixo cada quen ao seu xeito. Antón gabou o praceiro, a lonxa, o mariñeiro, como outros fixeron con labregos e gandeiros. Anxo case berrou “eu quero vivir no rural”, igual que Xurxo . Houbo vivas para o capón de Vilalba, para o cocido de Lalín, para a empanada, para o polbo á feira, para a lamprea. Houbo lembranzas e dedicatorias a pais, nais, avós e avoas, mesmo bisavós e bisavoas. Territorio. Identidade. A lingua e a cociña, as dúas cousas que mellor nos explican e as dúas que máis doado é deixar ir. No persoal, moi ledo por poder ter sido parte destes premios. E, especialmente, por ver recoñecidos tantos d...

Gresca (Barcelona): ¡que razón tiñan!


Cando pedía consello para a finde gastronómica en Barcelona, unha palabra, seis letras, estaban sempre presentes, con especial vehemencia se quen falaba era un cociñeiro: Gresca. Non Disfrutar, nin Enigma, nin os irmáns Torres: Gresca.

Alá que fomos, claro. E carallo se tiñan razón. Cociña de verdade, ao tempo da de sempre e da de hoxe; cociña enjundiosa que dirían os meus amigos chilenos.

¡Que marabilla eses sesos cremosos! (Souben, por certo, que Balazs Menyhard traballara con Rafa Penya en Gresca: hai que ir a 55 Pasos a tomarlles os sesos sempre que os teñen)

Había que ver a miña cara cando chegou o bacallau: só unha ollada daba para saber que ía ser algo completamente diferente, meloso, sabedeiro.

E podería seguir. Co coello, coas moegas, coa xarda, co salmón, co bikini de lomo e comté; coas sobremesas; coa gamay do Ródano ou co champagne. Non é preciso, xa vos facedes á idea.

E, para rematar, tivemos a sorte* de vivilo desde a mesa da cociña. Miña nai, ¡que razón tiñan!

(*) E a axuda: grazas!

Comentarios