Publicacións

Culler de Pau (O Grove): unha viaxe de horas, unha viaxe de anos

Imaxe
21 de novembro, choiva, vento fungando, mar brava, pero a tradición manda: antes de subir a Reboredo, unha 1906 na terraza do Náutico de San Vicente ; con abrigo, iso si. Cumprir a tradición cando o tempo non axuda vale o dobre. O menú Descuberta de Culler de Pau é longo, pero fluído, líquido, áxil; muda de escenario sen case se notar. Comeza na horta, desde o consomé de verduras asadas até a folla do rabanete. Despois, amodo, chega o mar, con bocados notábeis: os camaróns vivos, a volandeira de Cambados, a robaliza curada, a magnífica centola de O Grove. E entón os terreos comezan a mesturarse: a ostra vai con auga de monte e hai un “molusco vexetal”; volve a horta cun pratazo, ese que desde hai tempo non falta, desta volta un pemento con castaña e zume de ameixa. Antes dos doces, o monte: o fondo de caza, a pularda de Mos. É unha viaxe de horas dentro doutra de anos. A primeira vez no Culler foi no 2009 , tamén en outono, cando todo comezaba. Houbo espinacas, houbo unha cebola...

A caldeirada de raia de Taberna Beade (Paderne)

Imaxe
Pasado o cruce da N VI (négome a chamala N 6) en Coirós, corredoiras arriba en dirección a Paderne, xa ía matinando na carne asada de Taberna Beade e nalgún dos viños vellos de Ribeiras de Armea , a lingua feita auga. Poucos minutos despois, Josiño sacaba* unha agudelo de 2018, crianza biolóxica, pequena xoia, unha mostra máis do potencial de Betanzos e do crack que é este home. E na pota de porcelana, tralos boqueróns e as luras de potera ben fritidas, o xarrete que se desfai na boca, os pementos. Moito se fala das cores do chuletón, moi pouco das da pataca confitada: pequena, redonda, feita ben amodo, amareliña do azafrán por fóra, branquiña por dentro, melosa, sabedeira. Porén, o cadro foise ao carallo. Foi a raia, a caldeirada de raia. Non sei como fixo Ivett, pero estaba de impresión: carne tersa, branca, aveludada; peixe e preparación humildes roubando todo o protagonismo da boa feitura que tiñan. Tremendo. Pouco valoramos termos lugares así. Casa de comidas que mantén v...

Sevilla soubo a outono en Leartá

Imaxe
Pouco máis de vintecatro horas en Sevilla, pero deu para un xantar no pequeno e acolledor Leartá , que tanto me gostara cando o visitei hai un par de anos, ao pouco de abriren. Desta volta menú de outono, ben virado ao vexetal e con sabores andaluces moi recoñecíbeis xa desde os altramuces en caldo de aceitunas que abren a secuencia. Pasan pola mesa mollete con xeado de manteca e tomate, gamba branca de Isla Cristina con laranxa, pataca e loureiro; pero tamén fiúncho con pementa verde (estupendo), berza e ostra, castaña e cebola, sangue e allo, endivia e mazá... Pratos nítidos, sabedeiros, que deixan moi claro onde estás: en Sevilla, en Andalucía. Non nos movimos de lugar para os viños, claro. Cousiñas do Marco nos momentos certos e un ancestral de Forlong que acompañou de principio a fin. Ían trinta graus fóra, pero Sevilla soubo a outono. Ver esta publicación en Instagram

Os vellos novos clásicos de Gunnen (A Coruña)

Imaxe
Chechu Rey achégase á mesa e fala moito, fálacho todo, pero faino cunha proximidade tan limpa e tan sentida que desarma. Non lareta, non. Alí non hai poses nin misterios: hai un tipo que as ten pasado canutas, un tipo cun talento salvaxe que che debulla calquera técnica cun aceno, coma se fose o máis natural do mundo. En realidade, nesa mesa, a complicidade non pide grandes discursos. Recoñécese na ledicia compartida (o Gunnen xenuíno) ao volvermos gozar dos vellos (porén novos) clásicos da casa. As navallas, xa patrimonio do noso padal, ou a lura á carbonara teñen a precisión da cociña ben feita que non precisa mudar. Son pratos que un saúda cun sorriso lene, coma quen atopa un amigo de sempre no camiño. Ao seu carón, agroman tamén propostas novas: desta volta, as máis sobranceiras, o lumbrigante en varios tempos ou as pochas. Non hai neles balbordo nin fogos de artificio; hai o acerto milimétrico de quen domina o oficio e sabe ben o que traza. Ambos van pedindo o seu oco na memo...

Mesón do Campo (Vilalba): transición de estacións na Terra Chá

Imaxe
Chega o outono, pero o verán aínda non da rematado. Xa hai cogomelos e caza, pero aínda temos figos e bonito e os últimos pementos e tomates. Non sei canto máis vai durar o planeta. Namentres, imos gozar do que hai. E, se é principio de outono, onde mellor que na Terra Chá. E, se é na Terra Chá, que lugar con máis sensibilidade polas estacións que o Mesón do Campo . Boletus e avelá, albóndigas de corzo e níscalos, figos e romesco branco, ravioli recheos de lumbrigante, foie, berberechos de Muros, queixos. Transición de estacións, territorio, cociña de sempre. Unha adega descomunal. Un champagne de Nowack , tinto da Ribeira Sacra, amontillado con moitos anos. O que ti queiras. Como di o cartel da mesa do espello: ledicia. Ver esta publicación en Instagram

Gresca (Barcelona): ¡que razón tiñan!

Imaxe
Cando pedía consello para a finde gastronómica en Barcelona, unha palabra, seis letras, estaban sempre presentes, con especial vehemencia se quen falaba era un cociñeiro: Gresca. Non Disfrutar, nin Enigma, nin os irmáns Torres: Gresca . Alá que fomos, claro. E carallo se tiñan razón. Cociña de verdade, ao tempo da de sempre e da de hoxe; cociña enjundiosa que dirían os meus amigos chilenos. ¡Que marabilla eses sesos cremosos! (Souben, por certo, que Balazs Menyhard traballara con Rafa Penya en Gresca: hai que ir a 55 Pasos a tomarlles os sesos sempre que os teñen) Había que ver a miña cara cando chegou o bacallau: só unha ollada daba para saber que ía ser algo completamente diferente, meloso, sabedeiro. E podería seguir. Co coello, coas moegas, coa xarda, co salmón, co bikini de lomo e comté; coas sobremesas; coa gamay do Ródano ou co champagne. Non é preciso, xa vos facedes á idea. E, para rematar, tivemos a sorte* de vivilo desde a mesa da cociña. Miña nai, ¡que razón tiñ...

Quince anos, quince meses: de volta en Dos Palillos (Barcelona)

Imaxe
Quince anos entre a primeira e a segunda vez que entrei en Dos Palillos , no Raval barcelonés; entre a segunda e a terceira, venres pasado, quince meses. Se en quince anos confirmas que o proxecto de Albert Raurich está por riba das modas, en quince meses constatas que crea adición. Na era do hype de usar e tirar, o verdadeiro luxo é a consistencia. Volver á barra de Dos Palillos , vivir o pase literalmente desde a cociña, é redescubrir o mesmo magnetismo. Dos pratos falan as fotos: algúns novos (figos, gamba), outros que xa estaban na visita anterior (shiokara, naresushi, usuzukuri) e algún (sasami, papada) que leva aí tanto como as miñas lembranzas. A novidade e os clásicos convivindo sen molestarse. Cando marchaba, souben que Ferrán Adriá estaba ceando esa mesma noite no restaurante do seu discípulo. Se el tamén volve, ¿quen son eu para levarlle a contraria? Ver esta publicación en Instagram

Bisavis (Barcelona): Eduard, el soíño

Imaxe
Dous mil douscentos. É o límite de caracteres para un post de Instagram. Non dan nin de lonxe para falar de Bisavis e de Eduard. Eduard, el soíño: avogado mutado en cociñeiro, sumiller, camareiro; el soíño diante de oito ou nove clientes, eses son os tallos que ten na barra; el soíño falando, cociñando, abrindo botellas, bebendo, sorrindo, poñendo a música (Depeche sempre), falando un pouco máis. Sentín moita envexa de Eduard. Porque o tipo traballa en facer feliz aos demáis e, só hai que velo, é o máis feliz de todos mentres o fai. “Até pásoo ben fregando”, dicía, “se a noite foi boa”. E fora ben boa. Tan boa que recuncamos para o xantar. En Bisavis non hai quendas, os reloxios non son benvidos. Os pratos son de Duralex, deses verdes da avoa, e as copas, Zalto e Riedel. A carta de viños ten trinta páxinas, pero non hai que lela; só é contar como tes o corpo: chegará a botella axeitada. A cociña é directa, sinceira, sinxela. O máis importante: recoñecible. O bisabis está tamé...

O nigiri galego do Buxo Taberna (Cambre)

Imaxe
“Velaquí o nigiri galego”, sorría Iván, retranqueiro. Na fontiña de madeira, broa torrada, un pouquiño de tomate e sardiña grellada só pola parte da pel. Nas proporcións certas, ademais: moito máis peixe que pan. Certo, era unha tosta de sardiña, pero non outra tosta de sardiña. E iso é o que mola tanto do Buxo Taberna : un bar de vila, un bar de estrada que consegue darlle unha voltiña ás cousas sen que deixen de ser elas mesmas. E faino con moi, moi boa man. Antes, ¡benvidos cogomelos!, paté de campaña con cantarelas e angulas de monte á carbonara. Despois, un magnífico peixe sapo fritido (a carón da xanela, nun mediodía solleiro, esa carne branca e brillante case hipnotizaba) con mollo de cigalas e allada; e un arroz con polo da casa de verdade. Pedía branco vello ese xantar e alá foi un Gravonia 2016, porque a carta de viños é desas. Seica Iván non andaba de brincadeira co nigiri. Igual estaba simplemente explicando o Buxo: unha casa na que a personalidade pode vir nunha fo...