II Premios da Cociña Galega: unha lareira e unha cociña de ferro

Imaxe
Unha lareira e unha cociña de ferro. Invocou a imaxe Begoña Vázquez , de Regueiro da Cova , e ficou cravada nos meus miolos onte á noite nos II Premios da Cociña Galega. Non un prato, non un nome, non un aplauso. Unha cociña de aldea co lume aceso, a pota fervendo amodiño, alguén ao carón, sen présa. Falouse de moito e falouse ben. Ser cociñeiro en Galicia é unha sorte, dixo cada quen ao seu xeito. Antón gabou o praceiro, a lonxa, o mariñeiro, como outros fixeron con labregos e gandeiros. Anxo case berrou “eu quero vivir no rural”, igual que Xurxo . Houbo vivas para o capón de Vilalba, para o cocido de Lalín, para a empanada, para o polbo á feira, para a lamprea. Houbo lembranzas e dedicatorias a pais, nais, avós e avoas, mesmo bisavós e bisavoas. Territorio. Identidade. A lingua e a cociña, as dúas cousas que mellor nos explican e as dúas que máis doado é deixar ir. No persoal, moi ledo por poder ter sido parte destes premios. E, especialmente, por ver recoñecidos tantos d...

Caballa 14 (A Coruña): un exame á volta de Tokio


Completamos a nova rolda de visitas aos grandes xaponeses da cidade hoxe en Caballa 14 (o máis novo dos tres), tras ter pasado recentemente por Omakasé Sushi Bar e Izakaya Hokuto. Sigo pensando o mesmo: que sorte temos de que haxa na Coruña tres locais deste nivel.

O bó da cociña xaponesa, de cara a facer posts como este, é a súa plasticidade: as fotos falan elas soíñas do que se pode atopar no omakasé de Caballa 14. Déixanme pouco máis que engadir.

Quizais só unha cousa: en cada visita nótase que Rebo segue afinando. Un chisco nos temperos, outro nos procesos co peixe, outro no arroz dos nigiri. A graxa potenciando a dourada, a mestura de peixes no tartar. Pequenos trocos que, sumados, fan medrar a experiencia. Dá gusto velo.

Evolución que tamén chega á carta líquida. Hoxe un notábel viño de pasto de Agrícola Calcárea: Sin Bulla, listán branco (palomino) criado en botas de manzanilla.

Lembrade que acabo de voltar dunha semana en Tokio. Dalgún xeito, o de hoxe era unha sorte de exame, e saiu moi ben. Viaxar serve para poñer as cousas en perspectiva: para apreciar con máis criterio o moi bo que temos na casa.

Comentarios